lunes, 3 de diciembre de 2007

Aviso

Temos constancia de ingresos na conta da AGOE de novos socios e socias dos cales non temos máis datos có seu nome. Quen teña feito o pago da cota e non enviara aínda a solicitude, que o faga en canto poida, e se se vai retrasar algo, que envíe, se pode, un e-mail para que teñamos o seu enderezo electrónico e poidamos informalo/a de todo o relacionado coa actividade da asociación.
Grazas

viernes, 16 de noviembre de 2007

AGOE INICIA UNHA ROLDA DE CONTACTOS COS DELEGADOS PROVINCIAIS DE EDUCACIÓN

A Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino informa de que ESTE VENRES 16 DE NOVEMBRO DE 2007 COMEZOU UNHA ROLDA DE CONTACTOS COS DELEGADOS PROVINCIAIS DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA, ENTREVISTÁNDOSE CO DE OURENSE, e quedando pendentes pois A Coruña, Lugo e Pontevedra.

A AGOE concibe estas reunións como o paso previo de cara a unha entrevista na propia Consellería de Educación e O. U. para plantexar as reivindicacións da asociación en canto ás numerosas irregularidades e ilegalidades que tiveron lugar no proceso selectivo deste ano de acceso aos corpos de mestres e profesores. Dende a AGOE agardamos que estas non se repitan, e que non persista o INXUSTO SISTEMA QUE PADECERON nos meses de xuño e xullo MILLEIROS de opositores e opositoras durante os catro vindeiros anos, como pretende a Consellería.

Nestes encontros, a AGOE quere manifestar que non se pode tolerar que dende unha administración pública se argalle e se leve a cabo un SISTEMA DE ACCESO á mesma que é POR DEFINICIÓN DESIGUALITARIO, e tamén que de persistir a Consellería no seu empeño de continuar con este sistema de acceso amañado os próximos catro anos, se verá na necesidade de tomar TODAS AS MEDIDAS LEGAIS AO SEU ALCANCE PARA EVITAR QUE FINALMENTE ISTO SE PRODUZA.

NA REUNIÓN DESTA MAÑÁ co Delegado de Educación de Ourense, D. Gonzalo Iglesias Sueiro, á que acudiron DOUS VOCEIROS DA AGOE E O REPRESENTANTE LEGAL DESTA ASOCIACIÓN, este amosouse bastante receptivo con todo o que se lle plantexou ao respecto do sistema de acceso posto en práctica por primeira vez este ano, no que se favoreceu descaradamente a unha parte dos opositores, e afirmou que actuará como transmisor das demandas da AGOE ante a Consellería.

Lembremos que con este procedemento de acceso se FAVORECE DELIBERADAMENTE a unha parte dos opositores (os que levan anos traballando sen ter acadado a praza), xa de por si beneficiados na fase de concurso, que parten con 3 puntos de vantaxe sobre o resto na fase de oposición sen ter que realizar todas as probas, e que así non precisan superar o exame de coñecementos da materia a impartir. Deste xeito, a maioría dos opositores e opositoras non teñen ningunha opción, como se puido observar, pois en case todas as especialidades non obtiveron praza máis cós opositores incluídos no grupo dos privilexiados.

É totalmente irracional que a propia administración estea a forzar por todos os medios que os NOVOS FUNCIONARIOS da Consellería de Educación e O.U., ENTREN POLA PORTA DE ATRÁS, cando o que se debería é procurar que só poidan acceder os mellor preparados, tras ter superado con éxito todas as probas. Non procede que ademais de evitar unha delas non se esixa o aprobado nas outras dúas que hai, entre as que se atopa a única sobre coñecementos da materia a impartir.

A proba que non realizan os opositores interinos é ademais aquela na que deberían de ter máis vantaxes con respecto ao resto, polo que non se entende que a propia Consellería desconfíe DAS CAPACIDADES DESTE PERSOAL QUE LEVA ANOS IMPARTINDO DOCENCIA NOS CENTROS PÚBLICOS á hora de realizala, xa que é a proba na que máis patentes quedan os coñecementos e as aptitudes que ten unha persoa, “a priori”, para o posto de traballo ao que se opta neste caso. Semella que TIVESEN MEDO DO RESULTADO que ocasionaría un proceso democrático, no que todos e todas tiveran que facer os mesmos exames.

Tamén se lle comunicaron ao Delegado todas as irregularidades das que somos coñecedores dende a asociación, como é o caso de que hai xente nas listas de interinos e substitutos que están traballando dende inicio do curso e figuran como non presentados, o que sería motivo de exclusión das mesmas.

Desde a AGOE, CUESTIONAMOS A DEMOCRACIA
no actual proceso de acceso á función pública docente, así como a soberanía dos tribunais, aos cales lles vén unha proba avaliada de antemán, sen que sexan eles quen a valore, o que POR LEI DEBERÍA OCORRER.

Somos conscientes, ademais, que os opositores e opositoras que queremos realmente que a IGUALDADE PRESIDA AS PROBAS DE ACCESO ÁS QUE FACEMOS REFERENCIA, temos que unirnos e organizarnos, e así o estamos facendo, para defender este principio, e informar a toda a sociedade da falta de democracia que vivimos, en canto á cal os sindicatos miran para outro lado, ou incluso amosan o seu apoio.

jueves, 15 de noviembre de 2007

AGOE INTERPÓN UN CONTENCIOSO ADMINISTRATIVO

A Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino (AGOE), vén de interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra a Orde do 23 de agosto de 2007 pola que se publica a lista de aprobados nas oposicións deste ano ao corpo de profesores e profesoras.

AGOE xa denunciara publicamente o actual sistema de acceso á función pública docente, posto en práctica por primeira vez nos pasados meses de xuño e xullo, no que se favoreceu deliberadamente a unha parte dos opositores e opositoras, en detrimento doutros moitos. A asociación entende que neste proceso pragado de irregularidades e ilegalidades, hai unha cuestión que determinou en gran medida a adxudicación das prazas ofertadas este ano: o feito de que a Consellería usurpara a autonomía funcional dos tribunais que debían xulgar as probas de acceso aos corpos de mestres e profesores. Había un exame que as opositoras e opositores interinos non tiñan que realizar, ao contrario que o resto dos aspirantes ás mencionadas prazas, podendo substituíla por un pequeno traballo de 10 folios que sería valorado por unha comisión de inspectores, mediante un informe coñecido de antemán polos opositores e opositoras. Dito informe, xa valorado, chegaba aos tribunais, que tiñan as mans atadas. Estes opositores privilexiados obtiveron un 10 nesta parte da oposición, partindo así con 3 puntos de vantaxe sobre o resto na inmensa maioría dos casos.

lunes, 12 de noviembre de 2007

Entrevista AGOE en Auria TV


Xa podes ver a entrevista realizada o día 16 de outubro na Auria TV



Se o prefires tamén podes descargar o video.

martes, 30 de octubre de 2007

Asambleas AGOE

Se viviches o proceso amañado do 2007 ou tes pensado opositar en vindeiras convocatorias, acode e infórmate do que podemos facer.


Martes, 6 de novembro, Ourense: Casa da Xuventude, 20:30h
Martes, 6 de novembro, A Coruña: Centro Universitario de
Riazor (antiga escola de Empresariais), 20h
Luns, 12 de novembro, Santiago: Casa da Xuventude, 20h
Martes, 13 de novembro, Pontevedra: IES Sánchez Cantón (xunto á Delegación de Educación, rúa Raíña Sofía, s/n), 20h



CONSEGUIREMOS UN SISTEMA DE OPOSICIÓN XUSTO E IGUALITARIO

lunes, 29 de octubre de 2007

Estatutos

Xa podes descargar os estatutos da asociación.(aquí)

viernes, 26 de octubre de 2007

Socios honorarios

Existe a opción de participar na asociación como socio honorario. Aquelas persoas que sen estar agora directamente afectadas polo inxusto sistema de oposicións queiran participar nas nosas asembleas e mobilizacións, poden facerse socios/as honorarios/as. Non se esixe unha cota para ser socio honorario, simplemente solicitalo. Se ademais a persoa interesada quere aportar algo de diñeiro á asociación, pode facelo coa cantidade que estime oportuno.

miércoles, 24 de octubre de 2007

Publicar no blog

Calquera persoa que queira que publiquemos un texto seu no blog, pode envialo ao noso enderezo electrónico e subirémolo, pois se non, só se poden comentar os que xa hai, e deste xeito, quen queira pode abrir un fío.

miércoles, 17 de octubre de 2007

Que precisas para presentar a queixa ante o Valedor do Pobo?

Ter feito algunha reclamación ante a administración en relación con algún aspecto do proceso de concurso-oposición que tivo lugar (listas, baremo...).

Facer un escrito poñendo o nome, DNI e domicilio, e facer constar o motivo da reclamación ante a administración dicindo que non foi atendido, e coa correspondente sinatura da persoa afectada.
**Se o prefires, nesta páxina podes descargar un modelo de reclamación, que só terás que cubrir e enviar ao Valedor.

Enviar por correo ordinario a queixa e máis a reclamación feita ante a administración a:

Valedor do Pobo
Rúa Horreo, 65,
CP 15700, Santiago de Compostela
A Coruña

martes, 9 de octubre de 2007

Solicitude de alta

Se queres formar parte de A.G.O.E., tes que cubrir a solicitude de alta que na que se indica o número de conta da asociación para aportar a cota (20 €).

É importante que conste o nome de quen ingresa,para que as contas estean claras e dispoñibles para todos os socios e socias.

A solicitude, xunto cunha copia do DNI, podes escaneala e enviala ao enderezo electrónico (agoeigualdade@gmail.com), ou ben enviala por correo ordinario/levala en persoa á oficina do noso representante legal:

MAZAIRA ABOGADOS
Rúa do progreso, nº 113, entlo. CP: 32003. Ourense (Ourense)

Reclamacións

Temos coñecemento de que moitos/as opositores/as fixeron de forma individual unha reclamación a algunha parte do proceso selectivo (especialmente no tema do baremo) sen obter unha resposta por parte da Consellería.

Existe a posibilidade (se tendes o reguardo da reclamación) de facer outra reclamación a través do Valedor do Pobo.

Se alguén está interesado en facer esta nova reclamación, podese por en contacto cun membro da directiva (Javier) que vos pode informar sobre o proceso a seguir.

Podedes contactar por correo electrónico
javipolpol@hotmail.com

ou ben no teléfono: 667 720 618

miércoles, 3 de octubre de 2007

INFORMACIÓN SOBRE A ASOCIACIÓN

AGOE é unha asociación de opositores e opositoras que consideramos que tal e como está actualmente o sistema de acceso á función docente na administración pública:
  • non se está a respectar o principio de igualdade, pois non todos os opositores/as teñen que realizar todas as probas (algúns poden presentar un informe, e cremos que esta opción non debería existir),
  • a importancia de ter coñecementos sobre a materia está moi reducida ao non haber unha cualificación mínima para as probas da oposición (avogamos polas probas eliminatorias, ou que se esixa unha nota mínima en cada parte),
  • priman aspectos como son a puntuación no baremo sobre outros como os coñecementos da materia a impartir, do currículo, da elaboración e desenvolvemento de unidades didácticas, etc. (cremos que a porcentaxe que se adica ao baremo é excesiva, e para nós os verdadeiros méritos son os que se demostran na proba de oposición; non é normal que xente de 8 e 9, e incluso 10 quede por baixo de xente de 5, e máis cando ese 5 leva 3 puntos de regalo),
  • as listaxes de interinos/as e substitutos/as non se refán co resultado do concurso-oposición, co que incluso xente coa oposición suspensa pode quedar por diante doutros que aprobaron.

En definitiva, pensamos que este sistema claramente favorecedor dunha parte dos/as opositores/as non respecta os principios de igualdade, mérito e capacidade que cremos deberían presidir un proceso como é o de acceso aos corpos de profesores e mestres, e que así o que se consegue é rebaixar o nivel das probas, e por ende o do ensino público en xeral, deixando fóra a candidatos que demostraron estar mellor preparados.

Ata o de agora, presentamos dúas reclamacións (unha para o corpo de mestres e outra de profesores) para que as listaxes de interinos/as e substitutos/as se refagan todos os anos que haxa oposición segundo a nota que se obteña.


Non podemos consentir que este sistema se prolongue 4 anos máis. Por iso cómpre que os/as prexudicados/as nos unamos para defender o noso, pois ninguén o vai facer por nós.


Puxemos unha cota de 20 euros para todo aquel que se dea de alta. Polo momento pospúxose a posibilidade de pór unha cota mensual, o que haberá que determinar entre todos os socios e socias, dependendo de cómo se vaian desenvolvendo os acontecementos. Os cartos que aporten os socios e socias de AGOE están destinados ás medidas legais que se levaron a cabo (reclamacións, inscrición da asociación no rexistro de asociacións da Consellería de Presidencia), e aquelas que se aborden no futuro. Como asociación sen ánimo de lucro que é AGOE, os cartos en ningún caso se poderán repartir entre os socios (isto é condición sine qua non deste tipo de asociacións). As contas estarán a disposición dos socios e socias ao remate de cada ano e antes da Asemblea Xeral.


Se estás interesado/a en formar parte de AGOE e participar na defensa da xustiza e a igualdade no acceso á función pública docente, e, de igual xeito, se desexas máis información sobre a asociación, podes escribir ao noso enderezo electrónico.

agoeigualdade@gmail.com

Vacantes pendentes de cubrir??

Enviamos un comunicado da Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino, no que denunciamos que a día de hoxe hai moitas vacantes sen cubrir nos centros de ensino galegos (arredor de 150), das cales a metade se produciron no mes de setembro, e aínda non foron adxudicadas a ningún substituto ou substituta.

A Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino (AGOE), quere poñer en coñecemento da opinión pública que a día de hoxe existen prazas vacantes de profesorado en distintos centros de Galicia que están sen cubrir, nalgúns casos dende o inicio do curso académico.

Dende AGOE, pensamos que existe unha manipulación destas vacantes por parte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pois non se entende que baixas producidas con anterioridade ao inicio de curso estean sen asignar e outras con data de hai dous días xa estean cubertas.

Isto, que se produce despois dun proceso de acceso á función pública docente no que se favoreceu claramente a unha parte dos opositores e opositoras, en detrimento doutros moitos, o que xa foi denunciado públicamente por AGOE, supón unha falta de seriedade e un desprezo, non só para a xente que está nas listaxes de substitucións, senón para o ensino público no seu conxunto, pois hai alumnos e alumnas na nosa comunidade autónoma que, nos quince días que van de curso, aínda non tiveron ningunha clase dalguhas asignaturas. Hai alumnado afectado en tódalas etapas educativas (infantil, primaria, secundaria e formación profesional).

miércoles, 26 de septiembre de 2007

Informe!??

Na convocatoria da Comunidade de Madrid deste ano non aparece a opción do informe.
Nesta páxina podedes ver todo o relacionado coas oposicións celebradas en Madrid este ano.
http://www.madrid.org/edu_rrhh/proc_select/oposconvoca.html

O Real Decreto non establece a obrigatoriedade de ofertar a opción do informe.
"Las Administraciones educativas, en el caso del profesorado interino que estuviera en activo, conforme se determine en sus respectivas convocatorias, podrán sustituir este ejercicio por un informe, que a tal efecto y a instancias del aspirante elaboren dichas Administraciones,
en el que se valoren los conocimientos del aspirante acerca de la unidad didáctica." (RD 276/2007, BOE 53; 02/03/2007)

Cabe preguntarse por qué a nosa Comunidade quere favorecer deste xeito tan notorio aos interinos.

sábado, 22 de septiembre de 2007

Sinaturas online

Enviáronnos un correo no que ademais de darnos a noraboa pola creación de AGOE, nos convidan a asinar online pola oposición libre no acceso á función pública.
A páxina é a seguinte:
http://www.firmasonline.com/1Firmas/camp1.asp?C=758

viernes, 21 de septiembre de 2007

Fwd: "ánimo e adiante rapaces que hai moita xente dentro con vós."

Este é un dos mails de apoio que nos chegou:
"Estimadas e estimados: moito ánimo e adiante que hai moita xente chea desa situación que padecemos dende fai décadas. Eu son profe de Secundaria, aprobei nas do 92 que foran, por fin no 97 así que estou con vós. Supoño que vistedes o artigo de Ramona Fuentes Arias no Faro de Vigo do mércores, semella que agora, por fin se vai xerar un movemento. Só unhas suxerencias para que consolidedes a mobilización e a organización:
1. facede moito barullo mediático e aprendede dos interinos que dende o pasado abril manifestáronse todos os xoves (e sempre os mesmos) diante da Xunta en S. Caetano. Esto é moi visible e sairá na prensa.
2. Apelade ás asociacións de pais que xa vai sendo hora de que se decaten da competencia do profesorado que imparte docencia aos seus fillos.
3. Ningún partido se decata de que sodes milleiros de persoas contando ás vosas familias?. Sodes un colectivo que non está considerado como traballador, daquela os sindicatos pasan de vos, mais nestas coxunturas prelectorais deberiades procurar máis presenza social para que vos tivesen en conta: por que non establecen xa 2 vías de concurso para os interinos e de oposición libre e en absoluta igualdade de condicións para o resto das persoas.
O dito, ánimo e adiante que está en xogo o futuro profesional de toda unha xeración."

Outras cousas

Mirade o artigo de opinión que escribiu Ramona Fuentes Arias no Faro de Vigo
http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=3118_5_164880__Opinion-Escandalo-aulas

miércoles, 19 de septiembre de 2007

A prensa recolle os primeiros pasos de AGOE

A rolda de prensa ofrecida por AGOE onte en Ourense saiu nos seguintes medios:
La Voz de Galicia
http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2007/09/19/0003_6153998.htm
La Región
http://www.laregion.net/content/view/43431/28/
El Correo Gallego
http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=40&idNoticia=210685
El Mundo
Cadena SER
Radio Galega
TVG (polo menos nos informativos locais de Ourense e Lugo)
Vieiros
http://www.vieiros.com/nova/60985/interino-cun-cero-logra-praza-opositor-cun-dez-queda-fora
Ourense Dixital
http://www.ourensedixital.com/_novas/07/09/18_03.htm
Radio Voz (entrevista telefónica)
Radio Líder (entrevista telefónica)

Comunicado Rolda de Prensa

A Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino formouse para loitar a prol dun proceso selectivo de acceso aos corpos de profesores/as e mestres/as que respecte os principios de igualdade, mérito e capacidade, características que deberían ser condición sine qua non de tal procedemento, algo que neste momento está moi lonxe da realidade.
Vimos de padecer un proceso que consta dunha fase de oposición e outra de concurso, como ocorre desde sempre, pero este ano hai unha serie de aspectos que se mudaron coa única pretensión de deixar ben atado o resultado final do mesmo. Dende a Consellería de Educación e O.U. afirmouse que as prazas que ofertaron este ano eran “para aproveitar o capital humano” que xa tiñan, en referencia aos interinos que levan moitos anos traballando sen ter acadado a praza. Como non podían facer unha oposición restrinxida, argallaron o actual sistema, co que conseguen o seu obxectivo, pero dun xeito encuberto. Fixeron unha sorte de oposición interna con figurantes externos, o que supón unha burla e un menosprezo dos esforzos de moitos opositores que non se atopaban dentro dos supostos que a Consellería se empeñou en favorecer. Para a Consellería somos simple recheo, e non entramos no que eles entenden por capital humano a aproveitar. Só fomos utilizados para darlle credibilidade a este proceso amañado.
Co actual sistema, algúns aspirantes ás prazas ofertadas non teñen a obriga de realizar as tres probas establecidas. Unha parte dos opositores e opositoras, quedan exentos da última proba, e sen facer o exame correspondente, obteñen un 10 nesa parte.
Deste xeito, non precisan aprobar as 2 probas restantes, entre as que está a única proba de coñecementos que se mantén con respecto a anos anteriores. De feito, incluso cun 0 nesta, poden obter a praza. Este grupo de opositores e opositoras privilexiados, teñen máis doado aprobar a oposición. Queda claro, polo tanto que non se pode dicir que este procedemento de acceso sexa igual para todos os aspirantes.
Así, a importancia de demostrar coñecementos e un desenvolvemento a priori axeitado da actividade docente redúcese á mínima expresión. Sería diferente se cando menos as probas de oposición fosen eliminatorias, como era habitual, o cal é lóxico, pois debería existir unha cualificación mínima na proba de coñecementos para continuar no proceso. A isto hai que engadirlle a supresión da parte práctica, que é básica en gran parte das materias, como son as de ciencias.
Queremos salientar e rexeitar tamén o escurantismo co que foi abordado o proceso, pois nin sequera se publicaron as cualificacións de cada parte, supoñemos que para non pór en evidencia as eivas do mesmo.
Outra irregularidade débese a que a Consellería pasou por riba dos tribunais para readmitir a xente que estaba excluída do proceso selectivo por non cumprir as condicións especificadas na convocatoria.
A pesares de todo isto, moitos opositores e opositoras podiamos ter a esperanza aínda quedando sen praza, pero nun bo posto no concurso-oposición deste ano, de sermos chamados para realizar substitucións o vindeiro curso, pero á hora de elaborar as listas de interinos e substitutos, estas non se refán coas cualificacións obtidas neste recente proceso selectivo, como recolle a lexislación, senón que pasan por diante aqueles que o pasado curso constituían ditas listaxes. Isto é así aínda que estas persoas teñan suspendido, e ata sacado 0 na oposición, ou incluso non se teñan presentado en Galicia ou na súa especialidade.
En canto a este último aspecto, vimos de presentar dúas reclamacións para que se elaboren as listaxes en función do resultado do proceso que acaba de ter lugar.
É importante que se entenda que A.G.O.E. non está en contra desa parte dos opositores privilexiados, senón en contra do sistema que xera estas desigualdades.
En síntese, pódese dicir que co actual método de acceso aos corpos docentes na administración pública, pódese ter praza cun 0 en coñecemento da materia a impartir, e quedar fóra aínda tendo un 10 nesa mesma proba, e mesmo cun 10 en todas as probas da oposición.
Queda claro pois, que este sistema claramente favorecedor dunha parte dos opositores non respecta os principios de igualdade, mérito e capacidade, que deberían presidir calquera proceso de acceso á función pública, e que o que se está a conseguir é rebaixar o nivel das probas, e por ende o do ensino público en xeral, ao deixar fóra a candidatos que demostraron estar mellor preparados que moitos dos que obtiveron praza.
Por todo o exposto, facemos un chamamento á sociedade en xeral para que nos brinde o seu apoio, e en particular a todas aquelas persoas que se teñan presentado as oposicións este ano ou anos anteriores, e tamén a quen pretenda facelo en vindeiras ocasións, para que loiten connosco por un acceso xusto á función pública docente. Para máis información poden escribir ao enderezo electrónico da asociación: agoeigualdade@gmail.com.

Ourense, 18 de setembro de 2007