domingo, 19 de octubre de 2008

ASEMBLEA EXTRAORDINARIA

ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DA ASOCIACIÓN GALEGA DE OPOSITORES E OPOSITORAS DO ENSINO, A.G.O.E.
CASA DA XUVENTUDE DE OURENSE
VENRES 24
19H (19:30H EN SEGUNDA CONVOCATORIA)
TRATARANSE CUESTIÓNS FUNDAMENTAIS RELACIONADAS COA ACTIVIDADE DA ASOCIACIÓN

lunes, 29 de septiembre de 2008

ASEMBLEA XERAL DA AGOE



SÁBADO 4 DE OUTUBRO
16:30H (17H EN SEGUNDA CONVOCATORIA)
COELXIO MAIOR SAN CLEMENTE
CAMPUS SUR DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
SANTIAGO DE COMPOSTELA



Lembramos a todos os socios e socias que poden solicitar, escribindo ao mail da asociación, as notas parciais (probas A, B1, B2, e B3 nos casos nos que había práctico) das especialidades de secundaria do 2007, ás que puidemos ter acceso como consecuencia da impugnación das listas de aprobados dese proceso selectivo.




Un saúdo

jueves, 5 de junio de 2008

IMPUGNACION

A ASOCIACIÓN GALEGA DE OPOSITORES E OPOSITORAS DO ENSINO PRESENTA RECURSO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO CONTRA AS BASES DA CONVOCATORIA DE OPOSICIÓNS AO ENSINO.

A AGOE, presentou con data 4 de xuño un recurso contencioso – administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a convocatoria de oposicións aos corpos de mestres/as e de profesores/as.

Para a AGOE, as bases impugnadas non se axustan nin á LOE, nin ao Regulamento que as regula (RD 276/2007), nin á normativa de Función Pública que lle é de aplicación, e moito menos aos principios constitucionais contidos nos artigos 14 e 23.2 da Constitución.
  1. Non se respectan os principios de igualdade, mérito e capacidade.
  2. A proba B2 da oposición é distinta para segundo qué opositores. Polo tanto estamos ante probas diferenciadas nunha mesma oposición.
  3. Nesta parte B2 os interinos poden acollerse a un informe de mínimos que é correxido por unha comisión de inspectores, non polo tribunal nomeado para xulgar o proceso selectivo.
  4. As distintas probas da oposición non son eliminatorias.
  5. Non se respecta o principio de transparencia ao non publicar as notas das distintas probas da oposición.
  6. Estase a computar a condición de interino doblemente: na fase oposición (ao permitirlle acollerse ao informe e opter así tres puntos sobre 10) e na fase concurso, pois os servizos prestados computan ata un 70% nesta fase.

viernes, 25 de abril de 2008

Póster

Podes descargar o póster aquí

martes, 1 de abril de 2008

E-MAILS DE APOIO

Comunicámosvos que seguimos a recibir correos de apoio ás nosas reivindicacións. Especialmente salientables son aqueles de funcionarios docentes que aprobaron cun concurso-oposición máis xusto có que nos tocou vivir.
Deixámosvos o último e-mail deste tipo que recibimos, que o propio autor nos convidou a publicar mantendo o seu anonimato, cousa que respectamos:

Moi ben mozas e mozos da AGOE, por fin unha organización de opositores libres que loita pola igualdade no acceso áo emprego público!. Parabéns por esa impugnación das vergoñentas "oposicións para a consolidación interna de interinos perpetuos e intocables" do ano pasado. Agora o que toca é que fagades o propio directmaente coa convocatoria que saquen este ano.
Podedes subir esta mensaxe á vosa web, pois son un PES por oposición libre naquel sistema, vergoñento tamén, dos anos 90.
Ánimo e adiante

lunes, 17 de marzo de 2008

SOCIOS E SOCIAS SEN E-MAIL

Compañeiros e compañeiras:

Temos constancia dos ingresos das cotas de alta de persoas que non nos enviaron o seu enderezo electrónico.
Se algún de vós non está a recibir correos informativos da asociación, que por favor nos escriba un e-mail a agoeigualdade@gmail.com e nolo comunique.

Un saúdo a todos e todas

jueves, 13 de marzo de 2008

COMUNICADO DA AGOE ANTE AS ACUSACIÓNS QUE SE ESTÁN A VERTER SOBRE A ASOCIACIÓN

Dende a Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino queremos manifestar que non impugnamos a listaxe de aprobados do ano pasado porque tivesemos unha "pataleta", nin porque lle quixeramos quitar a praza a ninguén. E quen di isto é que non entende cómo funcionan as cousas, e tampouco sabe que nun país democrático as persoas teñen armas contra os abusos da administración, co cal é lóxico que as usen. Isto non é habitual en Galicia, pero é de agradecer que se produza.

Cando unha persoa vive unha inxustiza ten dúas opcións, unha, "pasar do tema", o que sería neste caso ver se se entra no sistema e se aproveita un tamén del; ou ben, facer todo o que estea na súa man para que iso non se repita.


Ninguén sabía a estas alturas do ano pasado as verdadeiras consecuencias que ía ter este novo sistema, sabiamos todos e todas que se facía isto para meter ao maior número de interinos posible, pero ninguén contaba que o resultado fose este, sobre todo en secundaria, como nos confesaron incluso representantes de sindicatos. E xa non polo sistema en si, senón ademais polas presións que recibiron os membros dos tribunais para rebaixar o aprobado, para que chegara a inmensa maioría da xente á fase de concurso, co cal os que tiñamos poucos puntos non podiamos facer nada.


A administración debe de estar encantada, planea unha cafrada de sistema e consique enfrontar a opositores que, como ben dixo alguén xa no blog, serán compañeiros no futuro, cando O VERDADEIRO CULPABLE É A PROPIA ADMINISTRACIÓN. Se alguén se queda sen praza ao final do proceso iniciado pola asociación co devandito recurso contra a listaxe de aprobados, quen debe responder é a Consellería de Educación e O.U., xa que se os tribunais nos dan a razón será porque se demostre realmente que se cometeron as irregularidades que vén denunciando a AGOE.


Xa por último, gustaríanos que se soubera que o noso obxectivo non é botar abaixo todo o que se poida pola vía legal, aínda que non dubidamos, nin dubidaremos en empregala, senón tentar falar antes cos sectores implicados para tentar esgotar a vía da negociación. Por isto estamos a ter contactos con persoal da Consellería, que aínda non finalizaron, e tamén nos reunimos xa cos sindicatos. O que se pretende é chegar a un acordo, para non ter que prexudicar aos milleiros de opositores e opositoras que están (estamos) preparando os procesos selectivos deste ano.


Non queremos que se tome isto como un conflicto persoal pois, aínda que afecte a intereses de persoas, non o é. Igual que nós respectamos que o colectivo que sae beneficiado con este sistema, aínda que sexa inxusto, o defenda, agardamos o mesmo respecto de cara ás accións que como asociación levemos a cabo para defender un acceso á función pública docente en pé de igualdade.

miércoles, 5 de marzo de 2008

EN CANTO ÁS OPINIÓNS SOBRE UNHA POSIBLE MANIFESTACIÓN

Estase falando no blog ultimamente bastante da posibilidade dunha manifestación.
En primeiro lugar, cómpre dicir que o tema se tratou na Asemblea Xeral do mes de xaneiro, e xa anteriormente nas asembleas locais de distintas zonas.
Ademais, estáselles consultando de novo aos socios e socias, que son quen teñen dereito a DECIDIR sobre as accións que leva a cabo a AGOE, independentemente de que se teñan en conta opinións de persoas afectadas e/ou que simpaticen coa causa, que, por suposto, tamén o facemos.
Por iso, os asociados e asociadas poden escribir ao e-mail da asociación, manifestando o que queren que se faga en canto ás mobilizacións.
Nun blog, no que a xente escribe na maioría dos casos asinando como anónimo, comprenderedes que non temos nin o dato de canta xente está realmente solicitando a devandita mobilización.
Calquera que queira tratar o asunto máis directamente connosco, pode escribir ao noso e-mail identificándose.

Un saúdo

CARTAS AOS XORNAIS

Aquí deixamos os enderezos dos principais xornais de Galicia, para quen queira escribir cartas aos mesmos e facer máis patente a disconformidade da maioría dos opositores e opositoras con este sistema:

laregion@laregion.net
Piden: máximo 30 líneas, firma, nome, DNI, tfno.

redaccion@farodevigo.es
Máximo 30 líneas, firma, nome, domicilio, tfno. e fotocopia do DNI

Cartasaldirector@lavoz.es
Máximo 20 líneas, nome, domicilio, DNI e tfno.

cartasdirector@elprogreso.es
Máximo 20 líneas, nome, dirección, DNI e tfno.

CartasDirector@elpais.es
Máximo 30 líneas, firma, domicilio, DNI e tfno.

"20 Minutos":
Nome e dous apelidos, dirección, teléfono, idade e DNI. Textos que
superen 9 liñas de folio serán descartados; non se poden escribir en
maiúsculas. Enderezos:
zona20vigo@20minutos.es
zona20acoruna@20minutos.es

"ADN" :
Nome e apelidos, profesión, idade, cidade, teléfono e DNI. Non superar
as 10 liñas. A dirección:
cartasaldirector@adn.es (a nivel nacional, en Barcelona)
vigo@adn.es

jueves, 21 de febrero de 2008

TÁBOA REIVINDICATIVA DA ASOCIACIÓN GALEGA DE OPOSITORES E OPOSITORAS DO ENSINO

A táboa reivindicativa que segue, elaborada logo da Asemblea Xeral da AGOE é a que levamos á Consellería e máis á Delegación de Educación da Coruña.

A Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino (AGOE), creada despois do proceso selectivo aos corpo de profesores/as e mestres/as celebrado no ano 2007, e coa finalidade de que en futuras oposicións se respecten os principios de igualdade, mérito e capacidade,

SOLICITA:

1.Eliminación do informe. Ao existir a posibilidade, para un grupo de opositores de non ter que realizar todas as partes da oposición, non se está a respectar o principio de igualdade. Ademais, esta proba substitutiva non é valorada polos tribunais, pois venlles avaliado por unha comisión de inspectores. Cómpre ter claro que é un informe de mínimos, do que xa se posúe a plantilla de corrección antes de facelo, que non inclúe todos os aspectos que se esixen na proba ordinaria que teñen que preparar e superar a maioría dos opositores, e, a pesares de todo isto, foi puntuado en case todos os casos coa nota máxima.
2.Probas eliminatorias. Cada parte da oposición debe ser superada para poder pasar á seguinte, garantindo que só os mellores cheguen ao final do proceso de oposición e poidan entrar na fase de concurso, optando, polo tanto, a unha praza.
3.Publicación das notas de cada unha das probas da oposición.
4.Diminución da excesiva porcentaxe adicada ao baremo, podendo ser aceptable un 20%.
5.Certificación dos cursos a todo aquel que os realice. Non pode ser que dúas persoas fagan o mesmo curso, e a un non se lle valore, mentres que ao outro si.
6.Reelaboración das listaxes de interinos e substitutos cada vez que haxa oposición, conforme aos resultados obtidos.
7.Obrigatoriedade de presentarse á oposición para non decaer das listas de interinidade e substitucións. Se unha persoa opta por presentarse a outra especialidade, pasará a formar parte das listas de interinos e substitutos da nova especialidade.

ENTREVISTA NA CONSELLERÍA

Sentimos non ter informado antes no blog da entrevista que tivemos na Consellería co Subdirector Xeral de Persoal, o señor José Luís Canosa.

Acudiron dúas socias e o avogado da asociación.

Cómpre dicir, en primeiro lugar, que estivemos agardando máis dunha hora.

Dixo que sabía que tiñamos pedida unha entrevista dende había dous meses, pero que na Consellería non decidiran aínda quen, cándo nin cómo nos ía recibir, co cal seguimos agardando por unha nova reunión. De feito, hoxe mesmo ía solicitar expresamente unha entrevista co Secretario Xeral unha compañeira de Santiago.

Comezamos plantexándolle o problema, que non é só un problema dos opositores e opositoras, senón que incumbe á sociedade en xeral, porque o ensino é algo que nos preocupa a todos, esteamos ou non dentro da comunidade educativa.

Comentámoslle que a asociación se formou debido as inxustizas raiantes na ilegalidade que padecemos na oposición deste pasado ano. Tamén lle aseguramos que agora estamos unidos, non coma daquela e que non estamos dispostos a que este ano sexa igual.

Canosa limitouse a escoitar e escudarse en todo momento na legalidade que entenden que están a respectar, e nos acordos cos sindicatos. Amososuse moi pouco receptivo, a pesares de estar bastante seguro de si mesmo e con certo aire de superioridade.

Tratamos fundamentalmente dous puntos: por unha banda, a xestión das substitucións, mencionando as irregularidades que asegurou non existían, como é o caso de xente que figura como non presentada ou incluso non aparecía nos listados da oposición; e por outro lado, da vindeira convocatoria.

Expuxémoslle os puntos da táboa reivindicativa da AGOE, como acordamos na Asemblea Xeral de xaneiro, e deixámoslle alí unha copia.

En canto aos non presentados nas listas dixo que eran os excluídos do proceso pola programación, pero que os tribunais puxeran NPRES, cando non debían telo posto; e a xente que non aparece dixo que eran os que non teñen a titulación axeitada para presentarse á oposición, pero que entraron en listas hai tempo e polo tanto, como xa sabemos, teñen aí un posto vitalicio, pero non poden presentarse ás probas.

Preguntamos se xa sabían se a seguinte convocatoria sería igual, e veu a dicir que si, aínda que non tiñan falado do tema, parece ser, o cal é sorprendente e un pouco incrible, tendo en conta a problemática xurdida logo da oposición do ano pasado, e así llo dixemos. Tentamos facerlle ver que queremos negociar a próxima convocatoria para non ter que chegar a impugnala, o que lle aseguramos que fariamos se se plantexaba nos mesmos termos ca última.

O avogado faloulle dos contenciosos que temos interpostos, tanto contra a lista de aprobados, como pola reelaboración das listaxes, ao que asegurou que como foi sempre así por un acordo cos sindicatos, pois que ía seguir así, aínda que ADMITIU QUE NON ESTABA RECOLLIDO EN NINGUNHA LEI, como xa sabiamos.

O avogado díxolle que queremos negociar para que a próxima convocatoria sexa decente, do cal non se lle viu intención ningunha.

Tamén dixo o avogado que se optaban por ignorar o que lles plantexamos non dubidariamos en emprender todos os trámites legais que sexan necesarios.

A verdade é que o resultado da entrevista foi unha indignación xeralizada nas tres persoas que acudiron, pois a actitude do Subdirector Xeral de Persoal estivo moi lonxe da comprensión que si nos amosaron os Delegados de Educación de Ourense, Lugo e A Coruña.

O TSXG ACEPTA A TRÁMITE O CONTENCIOSO PRESENTADO CONTRA A ORDE QUE PUBLICA A LISTA DE APROBADOS NO CONCURSO OPOSICIÓN DO PASADO ANO

A ASOCIACIÓN GALEGA DE OPOSITORES E OPOSITORAS DO ENSINO (AGOE) VÉN DE RECIBIR A CONFIRMACIÓN POR PARTE DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA DE QUE ACEPTA A TRÁMITE O RECURSO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO PRESENTADO POLA MESMA NO PASADO MES DE NOVEMBRO.
A AGOE xa informara de que presentara o devandito recurso perante o T.S.X.G. en relación coa listaxe de aprobados no concurso oposición celebrado nos meses de xuño e xullo do 2007, denunciado publicamente por esta asociación en numerosas ocasións, por non respectar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. No mencionado proceso selectivo favoreceuse deliberadamente a unha parte dos opositores e opositoras, facilitando o aprobado na fase de oposición a aqueles que xa de por si tiñan máis puntos na de concurso, deixando aos restantes opositores sen nada que facer fronte a estes.
Este proceso foi o que levou a un grupo de opositores e opositoras a crear a Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino, para loitar a prol dun proceso selectivo de acceso aos corpos de profesores/as e mestres/as que respecte os principios de igualdade, mérito e capacidade. Aínda tratándose de concurso oposición, toda a lexislación vixente di que a fase de oposición debe basearse nos mencionados principios, polo que pensamos que é de dubidosa legalidade que unha parte de opositores/as non teñan que facer todas as probas que conforman a fase de oposición.Dende a AGOE temos claro que, ante a inminente convocatoria de oposicións aos corpos de mestres e profesores, se fai necesario un acordo para un proceso xusto, evitando todos os prexuízos que puidera causar unhas bases como as do pasado ano, contra as que loitaremos con todos os medios ao noso alcance.
Por outra banda, este martes día 19, ás 17 horas e, dentro da rolda de contactos cos Delegados Provinciais de Educación, REPRESENTANTES DA AGOE EXPOÑERÁN AS REIVINDICACIÓNS DA ASOCIACIÓN PERANTE O DELEGADO DE EDUCACIÓN DA CORUÑA, como xa se fixo en Ourense e Lugo.

lunes, 28 de enero de 2008

ENTREVISTA NA CONSELLERÍA

A entrevista na Consellería será este martes 29 ás 12h. Parece ser que nos vai recibir o Subdirector xeral de Persoal, José Luís Canosa Baldomir.

jueves, 24 de enero de 2008

O VALEDOR DO POBO ACEPTA A TRÁMITE A QUEIXA FORMULADA POLA AGOE

A ASOCIACIÓN GALEGA DE OPOSITORES E OPOSITORAS DO ENSINO VÉN DE RECIBIR A CONFIRMACIÓN POR PARTE DO VALEDOR DO POBO DE QUE ACEPTA A TRÁMITE A QUEIXA PRESENTADA POLA MESMA NO PASADO MES DE OUTUBRO.

A AGOE xa informara no devandito mes de que formulara unha queixa ao Valedor do Pobo , solicitando a súa intervención en relación ás reclamacións que a asociación presentou na Consellería de Ordenación e O.U. no pasado mes de agosto para que as listaxes de interinos e substitutos se refagan cada vez que haxa concurso-oposición, en función do resultado do mesmo .

A Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino creouse para loitar a prol dun proceso selectivo de acceso aos corpos de profesores/as e mestres/as que respecte os principios de igualdade, mérito e capacidade, logo de estrearse o actual sistema de acceso á función pública docente, nos pasados meses de xuño e xullo, no que se favoreceu deliberadamente a unha parte dos opositores e opositoras, facilitando o aprobado na fase de oposición a aqueles que tiñan máis puntos na de concurso, deixando aos restantes opositores sen nada que facer fronte a estes.

As reclamacións ás que fai referencia a queixa presentada débese a que as listaxes de interinos e substitutos non se refán cada vez que hai un proceso de concurso-oposición conforme ás cualificacións obtidas no mesmo, senón que por razóns alleas á legalidade vixente mantéñense no seu posto aqueles que o pasado curso constituían ditas listas. Isto é así aínda que estas persoas teñan suspendido, e ata sacado 0 na oposición, ou incluso non se teñan presentado en Galicia ou na súa especialidade. Así, as primeiras persoas que foron chamadas para interinidades e para facer substitucións, non son aquelas que, quedando sen praza obtiveron as mellores notas, senón que moitos figuran incluso como non presentados, o que sería motivo de exclusión destas listas.

viernes, 18 de enero de 2008

Asamblea Xeral AGOE


ASEMBLEA XERAL DA ASOCIACIÓN GALEGA DE OPOSITORES E OPOSITORAS DO ENSINO (A.G.O.E.)

SÁBADO 26 DE XANEIRO NO COLEXIO MAIOR SAN CLEMENTE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

ÁS 16H EN ABERTO PARA INFORMAR A TODO AQUEL QUE ESTEA INTERESADO E COÑECER DE PRIMEIRA MAN OS OBXECTIVOS E AS ACCIÓNS EMPRENDIDAS POLA AGOE

ÁS 17H DARÁ COMEZO A ASEMBLEA PROPIAMENTE DITA, Á QUE PODERÁN ASISTIR TODOS OS SOCIOS E SOCIAS QUE TEÑAN FEITO O PAGO DA COTA ANTES DO DEVANDITO DÍA, OU O FAGAN NA HORA ANTERIOR Á MESMA

jueves, 10 de enero de 2008

Asamblea xeral I

Estamos contactando cos colexios maiores e residencias de Santiago para ver se nos poden deixar unha sala un sábado pola tarde de xaneiro. O día 12 non pode ser.Se coñeces a alguén que estea nun deles, ou estás en Santiago e tes dispoñibilidade para buscar persoalmente un lugar de balde para a reunión, aínda que non sexa unha residencia, avísanos.
Grazas