miércoles, 26 de septiembre de 2007

Informe!??

Na convocatoria da Comunidade de Madrid deste ano non aparece a opción do informe.
Nesta páxina podedes ver todo o relacionado coas oposicións celebradas en Madrid este ano.
http://www.madrid.org/edu_rrhh/proc_select/oposconvoca.html

O Real Decreto non establece a obrigatoriedade de ofertar a opción do informe.
"Las Administraciones educativas, en el caso del profesorado interino que estuviera en activo, conforme se determine en sus respectivas convocatorias, podrán sustituir este ejercicio por un informe, que a tal efecto y a instancias del aspirante elaboren dichas Administraciones,
en el que se valoren los conocimientos del aspirante acerca de la unidad didáctica." (RD 276/2007, BOE 53; 02/03/2007)

Cabe preguntarse por qué a nosa Comunidade quere favorecer deste xeito tan notorio aos interinos.

sábado, 22 de septiembre de 2007

Sinaturas online

Enviáronnos un correo no que ademais de darnos a noraboa pola creación de AGOE, nos convidan a asinar online pola oposición libre no acceso á función pública.
A páxina é a seguinte:
http://www.firmasonline.com/1Firmas/camp1.asp?C=758

viernes, 21 de septiembre de 2007

Fwd: "ánimo e adiante rapaces que hai moita xente dentro con vós."

Este é un dos mails de apoio que nos chegou:
"Estimadas e estimados: moito ánimo e adiante que hai moita xente chea desa situación que padecemos dende fai décadas. Eu son profe de Secundaria, aprobei nas do 92 que foran, por fin no 97 así que estou con vós. Supoño que vistedes o artigo de Ramona Fuentes Arias no Faro de Vigo do mércores, semella que agora, por fin se vai xerar un movemento. Só unhas suxerencias para que consolidedes a mobilización e a organización:
1. facede moito barullo mediático e aprendede dos interinos que dende o pasado abril manifestáronse todos os xoves (e sempre os mesmos) diante da Xunta en S. Caetano. Esto é moi visible e sairá na prensa.
2. Apelade ás asociacións de pais que xa vai sendo hora de que se decaten da competencia do profesorado que imparte docencia aos seus fillos.
3. Ningún partido se decata de que sodes milleiros de persoas contando ás vosas familias?. Sodes un colectivo que non está considerado como traballador, daquela os sindicatos pasan de vos, mais nestas coxunturas prelectorais deberiades procurar máis presenza social para que vos tivesen en conta: por que non establecen xa 2 vías de concurso para os interinos e de oposición libre e en absoluta igualdade de condicións para o resto das persoas.
O dito, ánimo e adiante que está en xogo o futuro profesional de toda unha xeración."

Outras cousas

Mirade o artigo de opinión que escribiu Ramona Fuentes Arias no Faro de Vigo
http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=3118_5_164880__Opinion-Escandalo-aulas

miércoles, 19 de septiembre de 2007

A prensa recolle os primeiros pasos de AGOE

A rolda de prensa ofrecida por AGOE onte en Ourense saiu nos seguintes medios:
La Voz de Galicia
http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2007/09/19/0003_6153998.htm
La Región
http://www.laregion.net/content/view/43431/28/
El Correo Gallego
http://www.elcorreogallego.es/index.php?idMenu=40&idNoticia=210685
El Mundo
Cadena SER
Radio Galega
TVG (polo menos nos informativos locais de Ourense e Lugo)
Vieiros
http://www.vieiros.com/nova/60985/interino-cun-cero-logra-praza-opositor-cun-dez-queda-fora
Ourense Dixital
http://www.ourensedixital.com/_novas/07/09/18_03.htm
Radio Voz (entrevista telefónica)
Radio Líder (entrevista telefónica)

Comunicado Rolda de Prensa

A Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino formouse para loitar a prol dun proceso selectivo de acceso aos corpos de profesores/as e mestres/as que respecte os principios de igualdade, mérito e capacidade, características que deberían ser condición sine qua non de tal procedemento, algo que neste momento está moi lonxe da realidade.
Vimos de padecer un proceso que consta dunha fase de oposición e outra de concurso, como ocorre desde sempre, pero este ano hai unha serie de aspectos que se mudaron coa única pretensión de deixar ben atado o resultado final do mesmo. Dende a Consellería de Educación e O.U. afirmouse que as prazas que ofertaron este ano eran “para aproveitar o capital humano” que xa tiñan, en referencia aos interinos que levan moitos anos traballando sen ter acadado a praza. Como non podían facer unha oposición restrinxida, argallaron o actual sistema, co que conseguen o seu obxectivo, pero dun xeito encuberto. Fixeron unha sorte de oposición interna con figurantes externos, o que supón unha burla e un menosprezo dos esforzos de moitos opositores que non se atopaban dentro dos supostos que a Consellería se empeñou en favorecer. Para a Consellería somos simple recheo, e non entramos no que eles entenden por capital humano a aproveitar. Só fomos utilizados para darlle credibilidade a este proceso amañado.
Co actual sistema, algúns aspirantes ás prazas ofertadas non teñen a obriga de realizar as tres probas establecidas. Unha parte dos opositores e opositoras, quedan exentos da última proba, e sen facer o exame correspondente, obteñen un 10 nesa parte.
Deste xeito, non precisan aprobar as 2 probas restantes, entre as que está a única proba de coñecementos que se mantén con respecto a anos anteriores. De feito, incluso cun 0 nesta, poden obter a praza. Este grupo de opositores e opositoras privilexiados, teñen máis doado aprobar a oposición. Queda claro, polo tanto que non se pode dicir que este procedemento de acceso sexa igual para todos os aspirantes.
Así, a importancia de demostrar coñecementos e un desenvolvemento a priori axeitado da actividade docente redúcese á mínima expresión. Sería diferente se cando menos as probas de oposición fosen eliminatorias, como era habitual, o cal é lóxico, pois debería existir unha cualificación mínima na proba de coñecementos para continuar no proceso. A isto hai que engadirlle a supresión da parte práctica, que é básica en gran parte das materias, como son as de ciencias.
Queremos salientar e rexeitar tamén o escurantismo co que foi abordado o proceso, pois nin sequera se publicaron as cualificacións de cada parte, supoñemos que para non pór en evidencia as eivas do mesmo.
Outra irregularidade débese a que a Consellería pasou por riba dos tribunais para readmitir a xente que estaba excluída do proceso selectivo por non cumprir as condicións especificadas na convocatoria.
A pesares de todo isto, moitos opositores e opositoras podiamos ter a esperanza aínda quedando sen praza, pero nun bo posto no concurso-oposición deste ano, de sermos chamados para realizar substitucións o vindeiro curso, pero á hora de elaborar as listas de interinos e substitutos, estas non se refán coas cualificacións obtidas neste recente proceso selectivo, como recolle a lexislación, senón que pasan por diante aqueles que o pasado curso constituían ditas listaxes. Isto é así aínda que estas persoas teñan suspendido, e ata sacado 0 na oposición, ou incluso non se teñan presentado en Galicia ou na súa especialidade.
En canto a este último aspecto, vimos de presentar dúas reclamacións para que se elaboren as listaxes en función do resultado do proceso que acaba de ter lugar.
É importante que se entenda que A.G.O.E. non está en contra desa parte dos opositores privilexiados, senón en contra do sistema que xera estas desigualdades.
En síntese, pódese dicir que co actual método de acceso aos corpos docentes na administración pública, pódese ter praza cun 0 en coñecemento da materia a impartir, e quedar fóra aínda tendo un 10 nesa mesma proba, e mesmo cun 10 en todas as probas da oposición.
Queda claro pois, que este sistema claramente favorecedor dunha parte dos opositores non respecta os principios de igualdade, mérito e capacidade, que deberían presidir calquera proceso de acceso á función pública, e que o que se está a conseguir é rebaixar o nivel das probas, e por ende o do ensino público en xeral, ao deixar fóra a candidatos que demostraron estar mellor preparados que moitos dos que obtiveron praza.
Por todo o exposto, facemos un chamamento á sociedade en xeral para que nos brinde o seu apoio, e en particular a todas aquelas persoas que se teñan presentado as oposicións este ano ou anos anteriores, e tamén a quen pretenda facelo en vindeiras ocasións, para que loiten connosco por un acceso xusto á función pública docente. Para máis información poden escribir ao enderezo electrónico da asociación: agoeigualdade@gmail.com.

Ourense, 18 de setembro de 2007