jueves, 21 de febrero de 2008

TÁBOA REIVINDICATIVA DA ASOCIACIÓN GALEGA DE OPOSITORES E OPOSITORAS DO ENSINO

A táboa reivindicativa que segue, elaborada logo da Asemblea Xeral da AGOE é a que levamos á Consellería e máis á Delegación de Educación da Coruña.

A Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino (AGOE), creada despois do proceso selectivo aos corpo de profesores/as e mestres/as celebrado no ano 2007, e coa finalidade de que en futuras oposicións se respecten os principios de igualdade, mérito e capacidade,

SOLICITA:

1.Eliminación do informe. Ao existir a posibilidade, para un grupo de opositores de non ter que realizar todas as partes da oposición, non se está a respectar o principio de igualdade. Ademais, esta proba substitutiva non é valorada polos tribunais, pois venlles avaliado por unha comisión de inspectores. Cómpre ter claro que é un informe de mínimos, do que xa se posúe a plantilla de corrección antes de facelo, que non inclúe todos os aspectos que se esixen na proba ordinaria que teñen que preparar e superar a maioría dos opositores, e, a pesares de todo isto, foi puntuado en case todos os casos coa nota máxima.
2.Probas eliminatorias. Cada parte da oposición debe ser superada para poder pasar á seguinte, garantindo que só os mellores cheguen ao final do proceso de oposición e poidan entrar na fase de concurso, optando, polo tanto, a unha praza.
3.Publicación das notas de cada unha das probas da oposición.
4.Diminución da excesiva porcentaxe adicada ao baremo, podendo ser aceptable un 20%.
5.Certificación dos cursos a todo aquel que os realice. Non pode ser que dúas persoas fagan o mesmo curso, e a un non se lle valore, mentres que ao outro si.
6.Reelaboración das listaxes de interinos e substitutos cada vez que haxa oposición, conforme aos resultados obtidos.
7.Obrigatoriedade de presentarse á oposición para non decaer das listas de interinidade e substitucións. Se unha persoa opta por presentarse a outra especialidade, pasará a formar parte das listas de interinos e substitutos da nova especialidade.

ENTREVISTA NA CONSELLERÍA

Sentimos non ter informado antes no blog da entrevista que tivemos na Consellería co Subdirector Xeral de Persoal, o señor José Luís Canosa.

Acudiron dúas socias e o avogado da asociación.

Cómpre dicir, en primeiro lugar, que estivemos agardando máis dunha hora.

Dixo que sabía que tiñamos pedida unha entrevista dende había dous meses, pero que na Consellería non decidiran aínda quen, cándo nin cómo nos ía recibir, co cal seguimos agardando por unha nova reunión. De feito, hoxe mesmo ía solicitar expresamente unha entrevista co Secretario Xeral unha compañeira de Santiago.

Comezamos plantexándolle o problema, que non é só un problema dos opositores e opositoras, senón que incumbe á sociedade en xeral, porque o ensino é algo que nos preocupa a todos, esteamos ou non dentro da comunidade educativa.

Comentámoslle que a asociación se formou debido as inxustizas raiantes na ilegalidade que padecemos na oposición deste pasado ano. Tamén lle aseguramos que agora estamos unidos, non coma daquela e que non estamos dispostos a que este ano sexa igual.

Canosa limitouse a escoitar e escudarse en todo momento na legalidade que entenden que están a respectar, e nos acordos cos sindicatos. Amososuse moi pouco receptivo, a pesares de estar bastante seguro de si mesmo e con certo aire de superioridade.

Tratamos fundamentalmente dous puntos: por unha banda, a xestión das substitucións, mencionando as irregularidades que asegurou non existían, como é o caso de xente que figura como non presentada ou incluso non aparecía nos listados da oposición; e por outro lado, da vindeira convocatoria.

Expuxémoslle os puntos da táboa reivindicativa da AGOE, como acordamos na Asemblea Xeral de xaneiro, e deixámoslle alí unha copia.

En canto aos non presentados nas listas dixo que eran os excluídos do proceso pola programación, pero que os tribunais puxeran NPRES, cando non debían telo posto; e a xente que non aparece dixo que eran os que non teñen a titulación axeitada para presentarse á oposición, pero que entraron en listas hai tempo e polo tanto, como xa sabemos, teñen aí un posto vitalicio, pero non poden presentarse ás probas.

Preguntamos se xa sabían se a seguinte convocatoria sería igual, e veu a dicir que si, aínda que non tiñan falado do tema, parece ser, o cal é sorprendente e un pouco incrible, tendo en conta a problemática xurdida logo da oposición do ano pasado, e así llo dixemos. Tentamos facerlle ver que queremos negociar a próxima convocatoria para non ter que chegar a impugnala, o que lle aseguramos que fariamos se se plantexaba nos mesmos termos ca última.

O avogado faloulle dos contenciosos que temos interpostos, tanto contra a lista de aprobados, como pola reelaboración das listaxes, ao que asegurou que como foi sempre así por un acordo cos sindicatos, pois que ía seguir así, aínda que ADMITIU QUE NON ESTABA RECOLLIDO EN NINGUNHA LEI, como xa sabiamos.

O avogado díxolle que queremos negociar para que a próxima convocatoria sexa decente, do cal non se lle viu intención ningunha.

Tamén dixo o avogado que se optaban por ignorar o que lles plantexamos non dubidariamos en emprender todos os trámites legais que sexan necesarios.

A verdade é que o resultado da entrevista foi unha indignación xeralizada nas tres persoas que acudiron, pois a actitude do Subdirector Xeral de Persoal estivo moi lonxe da comprensión que si nos amosaron os Delegados de Educación de Ourense, Lugo e A Coruña.

O TSXG ACEPTA A TRÁMITE O CONTENCIOSO PRESENTADO CONTRA A ORDE QUE PUBLICA A LISTA DE APROBADOS NO CONCURSO OPOSICIÓN DO PASADO ANO

A ASOCIACIÓN GALEGA DE OPOSITORES E OPOSITORAS DO ENSINO (AGOE) VÉN DE RECIBIR A CONFIRMACIÓN POR PARTE DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA DE QUE ACEPTA A TRÁMITE O RECURSO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO PRESENTADO POLA MESMA NO PASADO MES DE NOVEMBRO.
A AGOE xa informara de que presentara o devandito recurso perante o T.S.X.G. en relación coa listaxe de aprobados no concurso oposición celebrado nos meses de xuño e xullo do 2007, denunciado publicamente por esta asociación en numerosas ocasións, por non respectar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. No mencionado proceso selectivo favoreceuse deliberadamente a unha parte dos opositores e opositoras, facilitando o aprobado na fase de oposición a aqueles que xa de por si tiñan máis puntos na de concurso, deixando aos restantes opositores sen nada que facer fronte a estes.
Este proceso foi o que levou a un grupo de opositores e opositoras a crear a Asociación Galega de Opositores e Opositoras do Ensino, para loitar a prol dun proceso selectivo de acceso aos corpos de profesores/as e mestres/as que respecte os principios de igualdade, mérito e capacidade. Aínda tratándose de concurso oposición, toda a lexislación vixente di que a fase de oposición debe basearse nos mencionados principios, polo que pensamos que é de dubidosa legalidade que unha parte de opositores/as non teñan que facer todas as probas que conforman a fase de oposición.Dende a AGOE temos claro que, ante a inminente convocatoria de oposicións aos corpos de mestres e profesores, se fai necesario un acordo para un proceso xusto, evitando todos os prexuízos que puidera causar unhas bases como as do pasado ano, contra as que loitaremos con todos os medios ao noso alcance.
Por outra banda, este martes día 19, ás 17 horas e, dentro da rolda de contactos cos Delegados Provinciais de Educación, REPRESENTANTES DA AGOE EXPOÑERÁN AS REIVINDICACIÓNS DA ASOCIACIÓN PERANTE O DELEGADO DE EDUCACIÓN DA CORUÑA, como xa se fixo en Ourense e Lugo.